Vista do Maxi

Vista do Maxi

xoves, 4 de xuño de 2015

Posición da plataforma Santa Cruz Aberta ao Mar sobre a situación actual

Como xa indicamos na entrada do domingo 3 de maio, o concello de Oleiros emitiu un decreto no que rexeita a solicitude de licenza de obra para a construción dun apartahotel na parcela, pero sen admitir expresamente o enorme perxuízo paisaxístico e urbanístico que causaría un edificio das dimensións permitidas no estudo de detalle aprobado polo concello. Lembremos que tería 18,5 metros de alto, 4,5 máis que o antigo Maxi, e ocuparía prácticamente todo o ancho da finca. A equipa de governo da institución municipal aduciu que denegaba o permiso porque o que lles transmitira o propietario era que pretendía construir un hotel de 5 estrelas, e que non admitían que se empregase o terreo para edificar un apartahotel. 

Como se pode consultar nesta noticia de prensa do 28 de febreiro, a empresa propietaria xa confirmara que o que pretendía facer era un apartahotel ou bloque de apartamentos vacacionais. Calquera que coñeza mínimamente Santa Cruz e adicase un pouco de tempo a matinar sobre as declaracións do alcalde, Ángel García Seoane, de que aumentara a edificabilidade para facilitar que se abrise un hotel de 5 estrelas, podía chegar, como fixemos os integrantes da plataforma, á conclusión de que ese proxecto non era viábel. A 215 metros da parcela hai un hotel de 4 estrelas, recentemente reformado, coas mesmas espectaculares vistas e un amplo xardín, o Portocobo. Pois ben, este hotel ten unha ocupación francamente baixa, e a percepción xeral en Santa Cruz é que se mantén grazas ás vodas e eventos, non polas pernoctacións. Outro hotel desas características tería no mellor dos casos que se conformar con parte desa tarta. E nese caso, ao ter menos espazo dispoñíbel, non tería os ingresos extra das vodas e semellantes.


A empresa, Hostcastros S.L., cuxa única actividade ata o de agora fora adquirir a finca, respostou presentando un recurso contencioso administrativo no xulgado. De todos xeitos, a relación co concello de Oleiros non debe ser especialmente mala, posto que como aparece aquí, rematan de ceder gratis o uso da finca como zona ORA. Como xa comentamos o ano pasado, non se pode cobrar por ese servizo nunha finca privada.

A ORA regúlase pola Ordenanza nº 31 do Concello de Oleiros, e no art. 2 estabelece que a taxa aplícase nas vías públicas municipais: “utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local”. Esta norma desenvolve o Texto Articulado aprobado por Real Decreto-Lexislativo 339/1990) e do seu Regulamento (aprobado por Real Decreto 1428/2003). En concreto, o art. 93.1: "o réxime de parada e estacionamento en vías urbanas regularase por ordenanza municipal". A parcela do antigo Maxi é unha finca privada, polo que non se lle pode aplicar unha taxa por estacionamento en vía pública.


 
Dende Santa Cruz Aberta ao Mar mantemos que a única solución viábel para impedir unha desfeita urbanística que condicionará o deseño e a calidade de vida dos habitantes da nosa vila é a adquisición polo Concello de Oleiros. Preferimos que se leve a cabo de xeito negociado e sen prexudicar a ninguén, pero consideramos que un edificio nese lugar, especialmente das características do proxectado deixaría a Santa Cruz sen mar. Non existe nengún impedimento: nin legal nin, a xulgar polos 6 millóns de euros de superávit do concello do ano pasado e a posibilidade de realizar unha permuta por outros terreos de propiedade municipal, tampouco económico.

A propiedade pública da parcela permitiría conserver a espectacular vista ao castelo, á costa e á ría dende o núcleo da vila. O desenrolo urbanístico de Santa Cruz debería estar orientado a nos integrar na nosa contorna e a aproveitar o espectacular patrimonio paisaxístico e monumental co que contamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario