Vista do Maxi

Vista do Maxi

domingo, 2 de agosto de 2015

Resposta de Santa Cruz Aberta ao Mar ás reiteradas negativas do alcalde de Oleiros a unha reunión

No último pleno municipal, celebrado onte xoves á tarde, o alcalde de Oleiros reiterou a súa negativa a manter unha reunión con integrantes da nosa plataforma veciñal, tal como solicitáramos o día 18 de Abril deste ano, o mesmo en que entregamos 1.889 sinaturas de apoio á nosa petición. Un mes máis tarde, o 18 de Maio, ao non ter resposta voltamos facer petición por escrito no rexistro do concello. 

Nestes últimos días xa expresara que non nos ía conceder audiencia en varios medios de comunicación. Deixando de lado as formas, que son francamente autoritarias e arrogantes, consideramos que a súa axenda non é tan apretada como para que se negue a manter unha reunión con veciños que simplemente pretendemos presentar de xeito razoado unha petición para a cal puidemos demostrar que hai un apoio popular moi importante. Como xa indicamos, conseguimos presentar perto de 2.000 apoios para solicitar que o Concello de Oleiros adquira, preferentemente de xeito negociado e permutando ese terreo por outro, a parcela do antigo hotel Maxi, evitando o enorme perxuízo paisaxístico e urbanístico que causaría un edificio das dimensións permitidas no estudo de detalle aprobado polo concello. Lembremos que tería 18,5 metros de alto, 4,5 máis que o antigo Maxi, e ocuparía prácticamente todo o ancho da finca, mentres que o edificio anterior ocupaba algo máis da metade.


Dende o noso punto de vista, o discurso público de Ángel García Seoane, que habitualmente exalta a defensa da paisaxe, do patrimonio cultural e do medio ambiente fronte ao urbanismo depredador e á especulación, casa mal con que non só non queira intervir, senón que el mesmo aprobase un grande aumento do volume de edificabilidade da finca.

Outro punto en que semella haber contradicións é en que normalmente gábase de que o seu é un goberno dos veciños, que conta coa sua opinión e defende os seus dereitos e intereses. Neste caso non só non actúa, senón que permítese desprezar unha simple petición para lle trasladar unha proposta. Ao mesmo tempo, non se abstivo de lanzar frases de afecto e amizade cara ao principal socio da empresa Hostcastros, tanto en plenos anteriores como nos actos electorais con comida e bebida que chama ceas frías. Entendermos perfectamente que a súa amizade con este empresario sexa moi estreita, pero o que o alcalde non pode facer é empregar o seu cargo, dende o que está obrigado a representar e defender ao conxunto da veciñanza, para favorecer a un amigo persoal. E dende logo, aprobar un aumento da altura permitida para edificar nunha finca, sen contraprestación, non dá moi boa imaxe.

Como único argumento a favor da súa postura cita o resultado electoral. Felicitámolo sinceramente pola súa maioría absoluta, pero iso non significa que poida pasar a ignorar completamente a opinión dos veciños da vila de Santa Cruz ou de calquera outro lugar do concello. Él mesmo sabe que non ten un mandato popular para permitir desfeitas urbanísticas: demostrouno cando o 1 de Maio, en plena carreira cara as eleccións municipais do 24 dese mes, denegou a licenza de obra ao propietario da finca. Desgraciadamente, semella que foi unha maniobra electoralista, que conseguiu o seu obxectivo ao facer pensar a moita xente coa que falamos, que o obxectivo da plataforma estaba acadado e que íase impedir que Santa Cruz voltase quedar, dun xeito inda máis claro que antes, sen vistas ao mar, ao castelo na illa que é o símbolo do Concello de Oleiros e á cidade da Coruña. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario