Vista do Maxi

Vista do Maxi

sábado, 2 de xaneiro de 2016

Ano novo ... vida nova?

Como xa mencionamos nun artigo anterior, dende o Concello de Oleiros difundiuse, inda que con certa ambiguidade, que xa se concedera a licenza de obra para construir o suposto hotel que deixaría sen vistas ao mar e ao castelo á meirande parte de Santa Cruz, formando unha barreira moito meirande que o antigo hotel Maxi e facendo que a nosa vila pasase a semellar, a primeira vista, unha localidade de interior. Sen que polo de agora proceda citar fontes, detallar as nosas próximas actuacións ou entrar en máis detalles, sí queremos compartir a información que temos dispoñíbel.
 
Ata o de agora non se concedeu a licenza de obra para comezar a construir na parcela do Maxi. O concello afirmouno e desmentiuno sucesivamente na mesma noticia do "Vivir en Oleiros". Perante unha pregunta no pleno realizada polo concelleiro do BNG Fran Rei, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, dixo que non se concedera.

Aparenta haber un conflito de intereses entre os propietarios da parcela, a empresa Hostcastros S.L. que tivo a adquisición da finca como única actividade ata o de agora, e o Concello de Oleiros. Dende a alcaldía defendeuse a modificación do plan xeral de Oleiros para aumentar a altura permitida e a inación perante un atentado paisaxístico e urbanístico coa excusa de que un hotel de 5 estrelas xeraría emprego e aumentaría a afluencia de turistas a Santa Cruz. Dende a plataforma Santa Cruz Aberta ao Mar sempre afirmamos que quen coñeza Santa Cruz sabe que un hotel nesa localización non semella viábel: o Porto Cobo, de catro estrelas, está a escasos metros e non ten unha ocupación precisamente alta. Este último estabelecemento ten as mesmas vistas e a avantaxe de contar cunhas instalacións moito meirandes e un xardín, que permiten que se poida adicar tamén a eventos como vodas e semellantes. 

Na prensa xa trascendeu en varias ocasións que os propietarios da finca non pretendían facer nin tan sequera un hotel, senón unha caste de apartahotel orientado a alugar apartamentos por periodos de tempo longos, e que sería prácticamente un edificio de pisos de aluguer. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, semella non estar disposto a aceptar as consecuencias de que a edificación non cumplise co uso recoñecido para esa finca no Plan Xeral de Ordeación Municipal (PXOM) de Oleiros, que é o hoteleiro. Ao mesmo tempo os propietarios non semellan ter nin a máis mínima intención de abrir un hotel e asumir as perdas que moi probábelmente tería nunha localidade en que a oferta hoteleira semella ser meirande que a demanda. Isto explicaría as información contraditorias e confusas que apareceron en distintos medios de comunicación. Malia a cooperación que semella haber entre a alcaldía de Oleiros e os propietarios de Hostcastros, o alcalde dí que as obras son inminentes e os promotores din que non está previsto facer nada a curto prazo.

Dende Santa Cruz Aberta ao Mar pensamos que só hai unha saída sensata e que non tería por que deixar perxudicados: que o Concello de Oleiros, seguindo os trámites legais e oferecendo unha compensación xusta, negocie cos propietarios para adquirir a finca, preferentemente a cambio de terreos noutra localización. Non estamos en contra de que se constrúan edificios de vivendas, hoteleiros ou mixtos. Sinxelamente pensamos que os perxuízos que causaría un edificio de grande porte nunha finca que conecta Santa Cruz coa súa praia e porto son moito meirandes que os beneficios que podería traer. A finca podería ter distintos usos como espazo público, aproveitando a súa privilexiada situación, sen necesidade de que se creasen barreiras visuais que deixasen á nosa vila sen as espectaculares vistas ao Castelo, a ría e a cidade da Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario