No último número da publicación "Vivir en Oleiros", e que se recibiu onte, venres 24, nalgúns domicilio, afírmase de xeito ambiguo que a licenza de edificación na parcela do Maxi xa foi concedida e que se agarda que as obras comecen antes de fin de ano.
Nesta publicación editada polo concello e que é básicamente un instrumento de propaganda do grupo de goberno -consideramos que quen diga outra cousa non pode ser obxectivo-, na páxina 15 do seu número 49 aparece a seguinte "noticia":
Como se pode ver, no título afírmase que a licenza "será outorgada" e no minúsculo texto que a acompaña, de só 5 liñas, dise que "o Concello de Oleiros concedeu a licenza". Acompáñase dunha simulación idealizada do resultado, segundo a cal o presunto hotel sería transparente, co cal poderíase ver dende a rúa o interior das habitacións, o que non semella moi críbel.
Non se menciona a existencia dunha plataforma en contra de que que este edificio, de 18,5m de alto e todo o ancho da finca, e que suporá unha pantalla visual moito peor que o antigo Maxi, convirta Santa Cruz de Liáns nunha vila case sen mar, ou con este agachado, tapando tamén para case toda a poboación o castelo de Santa Cruz, símbolo de todo o Concello de Oleiros. Non se dí nada das 1.898 sinaturas entregadas en contra dun atentado urbanístico, paisaxístico e medioambiental, e que o alcalde Ángel García Seoane, dun partido na práctica absolutamente persoalista que se fai chamar Alternativa dos Veciños, ignorou totalmente, sen tan sequera se reunir cos membros da plataforma que presentou eses apoios. Non se indica que apantalla un ben de interese cultural como é o castelo.
A empresa Hostcastros SL, creada só para esa fin e participada por dous grandes empresarios do sector do xogo (máquinas comecartos, casinos e semellantes) non pretendía facer un hotel senón un edificio de apartamentos. Tendo en conta que a ocupación dos estabelecementos xa existentes en Santa Cruz é moi discreta e que os socios de Hostcastros semellan ser conscientes, é moi probábel que en pouco tempo se reconvirta en edificio de apartamentos ou semellante. Tampouco se nos indica que o noso estimado alcalde foi de convidado á voda dun fillo dun dos socios da empresa.
Os insultos adicados por Ángel García Seoane aos veciños de Oleiros que solicitamos que o Concello adquira, de xeito negociado e dando alternativas, a finca do Maxi, foron parte dun proceso en que o alcalde fixo unha cesión de competencias en falso a un concelleiro da oposición, o representante do BNG Manuel Sarmiento; o que pensamos que foi unha denegación de licenza táctica xusto antes do comezo da campaña electoral das municipais, conseguindo enganar cando menos a parte da opinión pública de Oleiros; e por agora remata cunha suposta concesión de licenza sen informar á prensa nin ao pleno do concello, indicándoo a posteriori dende un órgano de propaganda.
En todo este tempo empregamos unha linguaxe sen agresividade e solicitamos unha solución sen damnificados, pero esta última acción, que semella pensada para comezar as obras antes de que se poida producir nengún debate ao respecto -cousa que non vai acadar-, é a constatación de que o goberno actual do concello compórtase como os que no seu día tiveron Marbella ou Barreiros en canto a transparencia e respeito aos electores.
Obviamente imos dar resposta o antes posíbel, e coma veciños de Santa Cruz e coñecedores do que acontece, non podemos deixar de nos perguntar polas motivacións que poden empurrar a Ángel García Seoane a defender con todos os medios ao seu dispor os intereses de dous multimillonarios mentres nega un emprazamento alternativo ou unha idemnización digna aos copropietarios -a maioría deles traballadores para quen é o seu medio de vida- da gasoliñeira de Santa Cruz. Semella que a menos que haxa outras motivacións máis escuras, para o señor Ángel García Seoane, que de palabra presume de anticapitalista e mesmo comunista, inda hai clases e unhas merecen un mellor trato que outras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario