Vista do Maxi

Vista do Maxi

domingo, 12 de abril de 2015

Presentación da taxación oficial da finca, denegación de permiso do concello para un acto en exteriores e última recollida de sinaturas

Este Venres día 10, ás 10:30 da mañá, presentouse nunha rolda de prensa a taxación da finca do Maxi realizada polo Gabinete Técnico Pericial Ibérica, un informe de valoración realizado por un perito xudicial inmobiliario, válida a calquera efecto. O importe calculado para o solar é de 980.341 euros.

 
As páxinas en que se detalla son as que acompañan ao texto. Pódese pulsar para ampliar.

Declaración  

A demolición do edificio do hotel Maxi supón unha oportunidade histórica para que o Concello de Oleiros recupere para uso público un espazo excepcional, pegado á costa e que libre de edificacións permite que dende grande parte de Santa Cruz se desfrute dunhas das mellores vistas da comarca, divisándose o castelo, a ría e a cidade da Coruña.
 
O Castelo de Santa Cruz, un ben declarado de interese cultural e adquirido polo concello, é unha das imaxes máis representativas de Oleiros. Xunto co propio litoral, o Parque Luís Seoane e o porto de Santa Cruz forman un conxunto paisaxístico de grande valor e atractivo turístico. A desaparición do edificio do hotel Maxi eliminou a principal barreira visual entre o centro de Santa Cruz e a costa, permitindo recuperar unha relación entre o pobo e a paisaxe que cambia completamente a percepción dos veciños e de calquera visitante.

O aumento do atractivo do pobo de Santar Cruz é absolutamente innegábel, dificilmente se podería ter realizado un cambio a mellor tan evidente. Mesmo permanecendo en pé por agora o muro da finca e coa parcela asfaltada, as vistas ao mar, ao castelo e á costa convidan a quen está de paso a parar e supoñen a mellor tarxeta de presentación posíbel. O impacto sobre o turismo e a hostelaría dun cambio coma este é difícil de cuantificar a priori, pero é evidente que a mellor.


 Vídeo da presentación

O estudo de detalle aprobado aumenta a altura, permitindo 15m de altura da fachada e 3,5m en baixo cuberta, co cal estariamos perante unha barreira de 18,5m de alto. Tamén autoriza unha anchura en paralelo á costa de case o 100% da parcela. Isto suporía unha separación entre o pobo e o mar moito meirande que a que xa existía co anterior edificio. Sería un xeito de privatizar unha paisaxe, que quedaría para quen pagase a estancia mentres se lle negaría á veciñanza.
 
Consideramos que o noso deber é defender ese patrimonio e reivindicamos o noso dereito a participar no deseño urbanístico da nosa vila e do noso concello. Partindo desa base, reclamamos ao concello de Oleiros que abra negociacións co propietario da parcela para a adquisición desta. A permuta por fincas propiedade do Concello e a compensación con aproveitamentos urbanísticos noutras actuacións non é algo insólito senón un sistema utilizado repetidamente polo Goberno Municipal para adquisición de fincas (Finca tenreiro, indemnización na urbanización de Carballido...). O Concello vai ter aproveitamentos urbanísticos no SUD-11 (campo de golf de Xaz) que pode permutar.
 


A taxación que presentamos evidencia que a adquisición deste terreo é perfectamente posíbel: o importe en que se valora a parcela é de 980.341,00 euros. É unha cifra considerábel, pero mesmo se non se aceptase a permuta, sería asumíbel por un concello que no número 45 da publicación “Vivir en Oleiros” declara que o ano pasado tivo un superávit de 3,5 millóns de euros.

O goberno municipal ten a obriga de defender os dereitos e intereses dos veciños, e consideramos que ten recursos máis que suficientes para, seguindo os procedementos estabelecidos e axustándose á lei, impedir unha agresión deste calibre ao noso patrimonio, á nosa calidade de vida e mesmo ao futuro da nosa vila, cuxo deseño urbanístico, imaxe e integración co medio durante moitas décadas dependerá das actuacións que se realicen agora.



Denegación do permiso para un acto público

Dende o concello, despois de que se nos dixese verbalmente que non habería inconvinte, prohíbesenos facer un acto, concretamente unha foliada reivindicativa que ademais de música incluiría xogos tradicionais, na praza de Esther Pita, próxima á parcela. Como alternativa só presentan a posibilidade de facelo no parque das Torres de Santa Cruz, que está separado do centro da vila e rodeado por un muro. A excusa que dan dende o concello é que a praza, na que se celebran as festas de Santa Cruz, está concorrida e hai nenos. 
 


Resulta evidente que só se pretende impedir que se realice unha xornada reivindicativa nun lugar público con visibilidade, pretendendo que se se realiza sexa nun sitio agachado á vista dos transeúntes, no que consideramos un xesto autoritario e impropio dunha corporación democrática. Como resposta pasamos a presentar a seguinte solicitude á subdelegación do goberno:



Última recollida de sinaturas
 

O domingo 12, de 12:30 a 14:00 fixemos a que en principio foi a última recollida de sinaturas antes da entrega ao concello. Fixemos dous grupos, un en Santa Cruz e outro en Santa Cristina e os resultados e o apoio recibido foron moi importantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario