Este
último venres, 3 de febreiro, participamos nunha mesa de debate no
local social Gomes Gaioso, no bairro de Monte Alto do veciño concello da
Coruña. A carón do noso presidente Ramiro, tamén estiveron dous membros
da Comisión Aberta en Defensa do Común: Anxo Varela e Manuel Monge.
Inda
que o furacán que tivemos esa noite non animaba precisamente a saír da
casa, o certo e que os contidos que se expuxeron foron moi interesantes.
Ramiro
fixo un resumo da atividade de Santa Cruz Aberta ao Mar, centrándose
evidentemente na problemática que motivou o seu nacemento: a agresión
paisaxística, ambiental e contra o patrimonio que supón un apartahotel
de grandes dimensións e porte, -e polo que se ve, tamén profundidade- na
beiramar dunha vila, tapando as impresionantes vistas ao mar, á cidade
da Coruña e ao Castelo de Santa Cruz.
Unha agresión que fixo posíbel o governo local de Oleiros e en concreto o seu alcalde Ángel García Seoane, ao aumentar a edificabilidade
da finca no PXOM do concello, e ao non reclamar que a parte que
pertence ao dominio público marítimo-terrestre voltase a mans públicas.
Iso por non falar da posibilidade de adquirir ese chan mediante permuta ou compra, que foi a opción que sempre defendimos.
Anxo Varela
fixo un percorrido por distintas agresións contra o patrimonio na
cidade da Coruña, fronte ás que se produciron distintas movilizacións
veciñais das que tomou parte, e que nalgúns casos conseguíronse evitar
ou reducir os danos. Noutras, por desgraza non. Posteriormente centrouse
no caso que ocupa o groso da atividade da Comisión Aberta en Defensa do
Común, a pretensión da Autoridade Portuaria, consentida e aprobada por
Puertos del Estado, de vender os terreos da Solana e o Hotel Finisterre,
sendo éstes terreos pertencentes ao litoral da cidade e daquela
patrimonio público.
Estas parcelas proveñen do recheo dunha praia
durante o franquismo, para os ceder en concesión a persoas vencelladas
co réxime e implicadas na represión da ditadura concretamente con
asasinatos e agresións de disidentes, que tras conseguir financiamento
conseguiron facer fortuna con patrimonio público regalado por un réxime
corrupto que saqueou tanto a particulares coma o patrimonio natural ou
cultural.
Ademáis
Anxo chamou a atención sobre outra ameaza: isto só sería un anticipo da
intención de comercializar os terreos gañados ao mar dos peiraos de San
Diego e Batería, 400.000 metros cadrados que serían destinados a
vivendas e posíbelmente algún centro comercial. A excusa para un asalto
deste calibre ao patrimonio de todos, con finalidade especulativa, sería
pagar a construción do porto exterior en Sabón (Arteixo), cando todos
os demáis portos exteriores do estado español pagáronse con cartos de
Puertos del Estado. Na súa opinión, o propio porto exterior fíxose
básicamente coma excusa para poder privatizar eses terreos.
Manuel Monge,
finalmente, a máis aportar datos e perspectiva sobre esas operacións de
asalto para pór o litoral coruñés en mans privadas, deunos a súa
visión, de xeito esquemático mais acompañada de datos, cifras e
referencias, dos distintos escándalos urbanísticos, prácticamente
censurados polos medios de comunicación locais, derivados da xestión de Paco Vázquez.
Estes
inclúen a recalificación de terreos adquiridos pola muller do
ex-alcalde coruñés, a expropiación de terras a veciños de Elviña para
distintos proxectos que despóis foron anulados para recalificar terreos,
a autorización para aumentar a edificabilidade dalgún edificio que por
sí só podería arruinar ao concello se finalmente ten que se derrubar
parcialmente, etc ... . En moitas ocasións con sentenzas xudiciais en
contra que posteriormente o goberno municipal presidido por Paco Vázquez
tentaba anular mediante cambios na planificación urbanística a
posteriori, sempre con membros da oligarquía da cidade ou familiares
seus como beneficiarios.
Por
suposto, esta traxectoria foi posíbel grazas a uns medios de
comunicación que agacharon ou defenderon esas actuacións e un sistema de
xustiza que non investiga relacións que, coma a de Ángel García Seoane cos promotores do apartahotel da parcela do Maxi, son públicas e notorias.
Perigo na parcela
A
maiores, non podemos deixar de sinalar que o valado da obra da parcela,
ao ter sido combado polo temporal, supón un perigo para os transeúntes.
As imaxes falan por sí soas.