Vista do Maxi

Vista do Maxi

domingo, 17 de abril de 2016

Música aberta ao mar e o que acontece cando non se pensa onde se edifica

Música aberta ao mar

O sábado 23 de abril ás 21:00 celebraremos por segundo ano consecutivo un acto musical, festeiro e reivindicativo no local D'Tati, no número 25 da rúa do Repicho. Contaremos coas actuacións en directo de Xenderal, un artista de hip-hop de Cerceda que moitos xa coñeceredes, e de Pedro Campos, cantautor e veciño de Oleiros.

Animámosvos a asistir a todos os que queirades pasar un bó anaco á vez que apoiades a reivindicación de que a finca do Maxi sexa adquirida polo Concello de Oleiros para ser adicada a uso público, permitindo que Santa Cruz conserve as súas espectaculares vistas á ría e ao castelo. Tendo en conta o ambiente que se acadou o ano pasado, estamos seguros que os que viñestes daquela tamén quereredes recuncar.

 E o mar reclama o que é seu ...

Estas últimas semanas tivemos a ocasión de comprobar que a parcela na que pretendemos evitar a construcción dun edificio de 18,5m de alto e todo o ancho da finca é, malia recheos e cambios de uso nas últimas décadas, un terreo a rentes dun mar que cada pouco reclama o que lle pertence, e máis aínda cando ese terreo recheado estreita a saída dun río. 


Un dato máis a ter en conta é que non hai que esquecer que a día de hoxe existe un consenso xeralizado entre a comunidade científica en canto a que o cambio climático antropoxénico conlevará un aumento do nivel do mar, que en cuestión dun par de décadas exporá a frecuentes inundacións os edificios que coma o proxectado se atopen na beira do océano. Pode que haxa quen nos acuse de esaxerados ou alarmistas, sobre todo se ten intereses particulares en xogo. Tamén se dícía iso das voces que criticaban o modelo urbanístico de Sada, onde entre outros desmáns tamén se construiu un hotel de grandes dimensións, neste caso en terreo público.

Supoño que a maioría dos que leades isto xa teredes visto as imaxes, pero non está de máis lembrar que é o que acontece cando no urbanismo se prescinde de planificación pública nunha antiga zona húmida, característica compartida entre Santa Cruz e Sada, que non deixan de estar, a menos de 10km en liña recta, en caras opostas da mesma península.





Ademáis, hai que denunciar que unha finca que ocupa o centro da fachada marítima da vila atópase nun estado sinxelamente vergoñento. Se esta é a imaxe que queremos dar, habería que darlle unha pensada.


xoves, 7 de abril de 2016

Difícil de crer pero certo

Estas últimas semanas tivemos a ocasión de comprobar que a conduta do concello e dos propietarios da parcela achégase ao surrealismo, non sabemos se por inquedanza, debido a que talvez agochan algo, ou porque o seu proxecto de construir un apartahotel, ou mesmo un edificio de apartamentos de aluguer non se sostén por distintos motivos.

O día 27 de Xaneiro, a asociación Santa Cruz Aberta ao Mar solicitou, coma parte interesada, consultar o expediente administrativo relativo á parcela do Maxi, sobre a que se pretende construir un edificio. En principio sería un apartahotel con moito de aparta- e pouco de hotel, o dobre de grande que o antigo hotel Maxi, e que deixaría a Santa Cruz de Liáns prácticamente sen vistas ao mar, estragando a imaxe da vila, restándolle atractivo e apantallando o símbolo do concello de Oleiros, o castelo de Santa Cruz.

Ese mediodía, casualmente, apareceron na entrada da finca uns cartaces indicando que non estaba permitido aparcar. Días despóis voltaron colocar na entrada unhas penas semellantes ás do inverno de 2014, que "aparceran" pouco despóis de que SCAOM comezara a súa actividade



Por ridículo que semelle, da a impresión de que a prohibición de aparcar é unha caste de castigo á veciñanza de Santa Cruz que se opón a unha operación urbanística que moitos consideramos perxudicial para case todos, e que poderíase evitar se o concello de Oleiros cumprise o seu deber de defender os intereses da veciñanza. Abondaría con que de xeito negociado e procurando non perxudicar a ninguén, se permutase esa finca por outros terreos de entre os moitos, e dun valor considerábel, que están en mans da entidade local

Respecto da solicitude, pasado un mes pensamos que o goberno local non se dignaría en respostar, o que non é raro tendo en conta que non respostaron a unha solicitude de reunión co alcalde, Angel García Seoane, realizada fai 9 meses á vez que presentabamos 1889 sinaturaons en apoio da nosa petición. Finalmente, o 3 de Marzo, recibimos a comunicación que figura á dereita.

Denéganos o dereito a consultar un expediente dunha administración pública aducindo que non teñen constancia da nosa condición de interesados e, de xeito ambiguo, facendo referencia a que non está concedida a licenza de obra e que neste intre a información non sería pública. Iso desmente as informacións que foron aparecendo na prensa e en medios municipais nos últimos meses. Despóis de nos asesorar en materia legal, pensamos que o primeiro punto soluciónase cunha copia dos estatutos e que o relativo á fase de tramitación non se sostén, polo que presentamos a seguinte alegación:


 
 As comparacións son odiosas ...

Recentemente a equipa de goberno municipal fixo pública a súa intención de expropiar dúas vivendas que están en primeira liña de praia, concretamente diante de Bastiagueiro Pequeno. Como se ve, o goberno do concello non ten nada en contra das expropiacións -que non é o que pedimos, preferimos que se negocie-, pero semella facer distincións en función de quen sexa o propietario. Ese caso suporía derrubar dúas vivendas particulares, e dende logo non teñen o impacto visual nin contra o patrimonio que suporía o edificio proxectado na beiramar de Santa Cruz.

sábado, 2 de xaneiro de 2016

Ano novo ... vida nova?

Como xa mencionamos nun artigo anterior, dende o Concello de Oleiros difundiuse, inda que con certa ambiguidade, que xa se concedera a licenza de obra para construir o suposto hotel que deixaría sen vistas ao mar e ao castelo á meirande parte de Santa Cruz, formando unha barreira moito meirande que o antigo hotel Maxi e facendo que a nosa vila pasase a semellar, a primeira vista, unha localidade de interior. Sen que polo de agora proceda citar fontes, detallar as nosas próximas actuacións ou entrar en máis detalles, sí queremos compartir a información que temos dispoñíbel.
 
Ata o de agora non se concedeu a licenza de obra para comezar a construir na parcela do Maxi. O concello afirmouno e desmentiuno sucesivamente na mesma noticia do "Vivir en Oleiros". Perante unha pregunta no pleno realizada polo concelleiro do BNG Fran Rei, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, dixo que non se concedera.

Aparenta haber un conflito de intereses entre os propietarios da parcela, a empresa Hostcastros S.L. que tivo a adquisición da finca como única actividade ata o de agora, e o Concello de Oleiros. Dende a alcaldía defendeuse a modificación do plan xeral de Oleiros para aumentar a altura permitida e a inación perante un atentado paisaxístico e urbanístico coa excusa de que un hotel de 5 estrelas xeraría emprego e aumentaría a afluencia de turistas a Santa Cruz. Dende a plataforma Santa Cruz Aberta ao Mar sempre afirmamos que quen coñeza Santa Cruz sabe que un hotel nesa localización non semella viábel: o Porto Cobo, de catro estrelas, está a escasos metros e non ten unha ocupación precisamente alta. Este último estabelecemento ten as mesmas vistas e a avantaxe de contar cunhas instalacións moito meirandes e un xardín, que permiten que se poida adicar tamén a eventos como vodas e semellantes. 

Na prensa xa trascendeu en varias ocasións que os propietarios da finca non pretendían facer nin tan sequera un hotel, senón unha caste de apartahotel orientado a alugar apartamentos por periodos de tempo longos, e que sería prácticamente un edificio de pisos de aluguer. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, semella non estar disposto a aceptar as consecuencias de que a edificación non cumplise co uso recoñecido para esa finca no Plan Xeral de Ordeación Municipal (PXOM) de Oleiros, que é o hoteleiro. Ao mesmo tempo os propietarios non semellan ter nin a máis mínima intención de abrir un hotel e asumir as perdas que moi probábelmente tería nunha localidade en que a oferta hoteleira semella ser meirande que a demanda. Isto explicaría as información contraditorias e confusas que apareceron en distintos medios de comunicación. Malia a cooperación que semella haber entre a alcaldía de Oleiros e os propietarios de Hostcastros, o alcalde dí que as obras son inminentes e os promotores din que non está previsto facer nada a curto prazo.

Dende Santa Cruz Aberta ao Mar pensamos que só hai unha saída sensata e que non tería por que deixar perxudicados: que o Concello de Oleiros, seguindo os trámites legais e oferecendo unha compensación xusta, negocie cos propietarios para adquirir a finca, preferentemente a cambio de terreos noutra localización. Non estamos en contra de que se constrúan edificios de vivendas, hoteleiros ou mixtos. Sinxelamente pensamos que os perxuízos que causaría un edificio de grande porte nunha finca que conecta Santa Cruz coa súa praia e porto son moito meirandes que os beneficios que podería traer. A finca podería ter distintos usos como espazo público, aproveitando a súa privilexiada situación, sen necesidade de que se creasen barreiras visuais que deixasen á nosa vila sen as espectaculares vistas ao Castelo, a ría e a cidade da Coruña.