Vista do Maxi

Vista do Maxi

mércores, 31 de decembro de 2014

Prohibición de aparcar na parcela e movementos do concello

Feliz fin de ano a todos! Como nesta última semana e media déronse varios acontecementos relacionados co obxectivo da plataforma, aí vai un breve resumo dos feitos.

Resumiremos o acontecido nas últimas semanas dende a filosofía que adoptamos ao nos constituír: centrarnos no noso obxectivo, que é a adquisición para uso público da parcela do antigo hotel Maxi, para permitir que Santa Cruz de Liáns (Oleiros) manteña e amplíe ás espectaculares vistas ao Castelo, á ría á cidade da Coruña, mellorando a calidade de vida dos veciños, aumentando o atractivo turístico do pobo e do concello de Oleiros e axudando conservar e facer accesíbel un patrimonio cultural e paisaxístico que non só nos pertence a nós senón tamén ás próximas xeracións. Para iso apelamos ao dereito da cidadanía a decidir sobre o deseño urbanístico da vila en que desenrolan as súas vidas.


O día 23 de decembro unha rapaza pertencente a plataforma viu estes cartaces na entrada da parcela do Maxi:


E ao día seguinte apareceron estas pedras, impedindo o paso dos coches:


Fronte á decisión do propietario da parcela de prohibir aparcar, temos que dicir que dende a plataforma mencionamos que non se podía cobrar a taxa da ORA por aparcar nun recinto privado, e máis nada. A prohibición de aparcar é unha decisión particular do dono.


Actuacións do concello

A maiores, foron saíndo distintas informacións de prensa nas que se indicaba a apertura de xestións para a adquisición da parcela e como se ía desenrolando o proceso. As novas relacionadas co obxectivo da plataforma agrúpanse na sección "Nos medios", na parte superior dereita. Os feitos sucedéronse así:

- O alcalde, Ángel García Seoane, delegou en Manuel Sarmiento, concelleiro do BNG, a competencia para negociar a adquisición do solar do Maxi, mediante decreto. Este enterouse a través da prensa o domingo 14 de decembro. Na seguinte semana, luns ou martes, recibiu a comunicación. Referencias de prensa aquí e acolá.

- O martes 16 á mañá o concelleiro aceptou a delegación e procedeu a solicitar a documentación prevista para calquera proceso de adquisición dun ben inmoble por unha administración pública. Esta documentación débea elaborar o persoal do concello e inclúe unha taxación na que se lle asigne un valor á finca, a declaración do ben como de interese público e un informe sobre o procedemento administrativo axeitado para a adquisición. Na prensa: ver isto, iso e aquilo.

- O luns 29 de decembro o concelleiro Manuel Sarmiento recibiu unha carta da alcaldía en que se lle urxía a comezar negociacións co propietario da parcela, pero negándolle a documentación para facelo legalmente e indicáballe que simplemente falase co propietario. Na prensa apareceu esta, esa e aquela información.

A carta do alcalde é esta:

Dende a plataforma só pretendemos difundir cal é a situación de cara á adquisición da parcela e solicitar que o proceso de adquisición sexa honesto e cumpra todos os requerimentos legais. O concello ten realizado numerosas adquisicións de terreos, de xeito negociado ou mediante expropiacións, para protexer a costa de construcións que degradasen o medio e a paisaxe, e non pensamos que haxa ningunha razón para que este caso, que afecta ao monumento máis coñecido de Oleiros, o castelo de Santa Cruz, e á súa contorna, teña que ser tratado de xeito diferente. 

Reclamamos que, seguindo os procedementos legais e habituais, se faga a taxación do terreo, a declaración de interese público e o informe sobre o procedemento administrativo a seguir. Non son un "sinfín de informes", só tres. O "informe" que inclúe a carta non di que só se poida adquirir por acordo, e o alcalde ten a obriga de defender os dereitos dos veciños, sen someter estes aos intereses dun particular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario